Tuesday 07 de May de 2024

Benestar convoca o concurso para elaborar o cartel do certame de ‘Xuventude Xrea 2015’ que fomenta a creatividade da mocidade galega


O prazo de admisión das obras rematará o próximo 28 de febreiro

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, con motivo do certame de creadores novos ‘Xuventude Crea 2015’, convoca un concurso co fin de elaborar o cartel desta iniciativa.

No certame poderán participar todos os mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o gañador do premio na edición do ano anterior.

Cada autor ou autores poderán participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego, e admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo. Os traballos presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50×70 centímetros e montadas en superficie ríxida. O tema e a técnica serán libres. As obras deben incluír obrigatoriamente o texto ‘Certame Xuventude Crea 2015’, así como as especialidades que o compoñen: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro e videocreación.

O/a autor/es/as da obra gañadora recibirá un único premio de 500 euros. O prazo de admisión das obras rematará o día 28 de febreiro de 2015.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar é que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural, fomentar a creatividade xuvenil, como mostra do talento que amosa a mocidade galega.

‘Xuventude Crea’ é a maior manifestacións das posibilidades creativas da xuventude galega. Na edición do 2014 participaron un total de 358 mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Un total de 263 proxectos individuais e en grupo, para as once especialidades previstas.

Esta iniciativa inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e o espírito empresarial e propón 22 medidas concretas para seguir avanzando neste eido